NA ORIXE.-
A presencia humana nestes contornos remóntanse a moitos séculos atrás. Na época prehistórica existían diversos castros que aínda se conservan na zona: o Monte do
Castro, en Verducido e os dous situados en Santo André de Xeve (o de Maúnzo e o de Sobral). Preto do primeiro localízase o lugar da Torre, o que fai pensar que na Idade Media había alí unha fortaleza
ou algún outro tipo de edificación defensiva.
AS PEGADAS ROMANAS.-
Tamén o Imperio Romano deixou as súas pegadas. Dous bos exemplos son os que atoparon por casualidade dous campesiños no século XIX. Segundo contan, foi un labrego
quen, traballando preto da capela de San Roque, rompeu sen querer o que resultou ser unha ánfora chea de moedas de ouro, prata, la, cobre e bronce. Estaban perfectamente conservadas, malia pertencer
a diferentes épocas entre os séculos I e IV. E sorpresa semellante levou a muller que cavaba o millo cando coa aixada estragou una vaixela da que comezaron a saír numerosas moedas da época romana.
Unha vez limpas, revelaron no seu anverso os bustos de emperadores romanos como Galieno, Claudio e Filipo, entre moitos outros. Nesta ocasión non eran de ouro nin de ningún outro metal precioso, pero
de grande valor.
A LIBERACIÓN DA LUCTUOSA.-
Non se pode falar da historia de Xeve sen deterse nun dos episodios máis significativos do seu pasado: o momento no que o entón párroco da fregresía de Santo André de
Xeve, Francisco Argüelles, libera á veciñanza da Luctuosa, un dereito antigo que nalgunhas provincias se pagaba ao señorío e prelados cando morrían os seus súbditos ou súbditas. Tratábase dunha
especie de imposto que os vasalos e vasalas pagaban ao seu señorío por coidalos cando morría alguén da familia. Foi a finais do século XVII. "A chegada de Francisco Argüelles remata coa redención da
luctuosa: consegue que a veciñanza pague dunha vez e para sempre 2100 ducados, con autorización real, e aquí cambia a historia de Xeve”.
NO CATASTRO DE 1755.-
A autonomía das terras de Xeve queda recollida xa no Catastro do Marqués da Ensenada, de 1755, onde especifica que están gobernadas baixo a forma dun Couto. Este
documento divide tamén Santa María e Santo André, unidas ata ese momento, e establece que o Couto de Xeve quedaba integrado por Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido e os mordomos
pedáneos. O territorio pertencía ó Señorío de Bermúdez de Castro, donos de moitas terras e da Casa de Gondar, entre outras propiedades.
O ANTIGUO CONCELLO DE XEVE
Cen anos de testemuñas e curiosidades ordenadas cronolóxicamente
1847
O 25 de Xaneiro redáctase a primeira Acta Municipal. Consérvase no Arquivo Municipal de Pontevedra, ao que foron trasladados os documentos do extinto Concello, que o secretario chama de “Berducido”,
ben por equivocación, ben porque alí se atopaba o primeiro edificio municipal. O primeiro alcalde foi D. Alberto Gómez.
1852
Na sesión de 4 de xaneiro noméase un síndico, cargo que hoxe correspondería cunha especie de “Defensor dos Veciños”
1856
O día 28 de Outubro designan hospital provisorio a Casa da Granxa, no centro de Santa María, debido á epidemia de cólera morbo que azoutaba o país.
1865
O 21 de setembro pídese aumento de soldo para o mestre D. José Corbacho Mariño, e que se lle proporcione “unha casa decente” se se lle ordena trasladarse de Santo André a Santa María.
1866
O día 30 de decembro de prodúcese o nomeamento de celadores (Alcaldes de Barrio) nos lugares do Concello
1868
No libro de Actas recóllese unha adhesión esplícita do Concello á Revolución de Setembro, denominada “A Gloriosa”. Un pronunciamento municipal de 2 de outubro.
1873
O día 7 de decembro, o Concello trasládase a unha casa particular en Frieiro, sesión na que tamén se nomea un novo Secretario Municipal.
1875
A sesión do 5 de febreiro foi tumultuosa. Moita xente protestaba polo Imposto de Consumos, unha especie de IVE que había entón.
1878
O día 5 de xullo o Concello trata sobre as honras polo eterno descanso da Raíña María Cristina.
1882
O 3 de setembro os concelleiros reciben do Estado a Colección de Pesas e Medidas Métricas, co gallo da entrada en vigor do Sistema Métrico Decimal que desde entón está en vixencia.
1890
O día 29 de abril a Xunta Municipal de Asociados (composta pola Corporación e os maiores contribuíntes) aproba un orzamento adicional.
1898
O Concello de Xeve aproba unha cuestación para a Guerra de Cuba, contra os Estados Unidos. Foi o 1 de xuño.
1904
Fórmanse Comisións Municipais e capataces de camiños, na sesión do 3 de xaneiro.
1909
Apróbanse indemnizacións pola matanza de animais dañinos (zorros) e polo arranxo dunha fonte pública por un particular, na sesión de 25 de abril
1912
Desígnanse novos capataces encargados dos montes comunais, nunha sesión celebrada o día 7 de xaneiro
1918
O 9 de xuño de recóllese unha referencia á hidrofobia canina, a raiba que afectaba aos animais, un caso que se repite ao longo do tempo
1923
Nace unha nova Corporación, coa sesión constitutiva presidida polo Comandante da Garda Civil. Era o 1 de outubro de aquel ano, ao inicio da dictadura de Primo de Rivera.
1931
Chega a República. Con ela, a nova Corporación democrática, que toma posesión dos cargos o día 20 de abril. D. Lino Tilve Corbacho será elixido alcalde.
1936
A Corporación de Xeve adhírese ao Estatuto de Galiza o día 14 de xuño.
O Golpe de Estado do 36 supón a destitución da Corporación, a traición á democracia e ás aspiracións nacionais de Galiza. Toma posesión un Delegado Gubernativo. A primeira acta da dictadura
franquista en Xeve data do 28 de xullo de 1936, dez días despois de comezada a guerra. Nela, pese a que o seu contido violenta a Constitución, figura o carimbo “Ayuntamiento Constitucional de
Geve”.
1942
O día 19 de febreiro, Xeve propón a súa integración en Pontevedra
1944
Celébrase a última reunión oficial do Concello de Xeve, o día 1 de agosto, momento no que as tres parroquias do norte quedan definitivamente unidas á capital. O punto da orde do día denomínase “Cese
de este Ayuntamiento”. O último alcalde chamábase Benito Rivas Hermida.